Bases

A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea, a Secretaría de Estado para a Unión Europea (Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación) e nesta ocasión coa colaboración especial da Embaixada de Italia, convoca a XXIII edición do concurso Euroscola dedicado ao 60 aniversario do asinamento do Tratado de Roma (1957-2017).

O obxectivo desta convocatoria é o de reflexionar coa xente nova sobre o proceso de transformación da Unión Europea en espazo de liberdade, xustiza e seguridade nestes 60 anos; valorar o que acadamos e analizar os desafíos actuais. Para isto, o Concurso propón o seguinte tema central: coñecer a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea como texto que recolle os principios e valores dos pobos e cidadáns da UE, despois de 60 anos de compromiso e camiño xuntos.

O Concurso desenvolverase a través dunha plataforma interactiva educativa en Internet: www.euro-scola.com

O Concurso ten como obxectivos xerais:

  • Fomentar o uso de Internet e das novas tecnoloxías como ferramentas educativas.
  • Achegar a Unión Europea á xente nova, mellorando os seus coñecementos e fomentando a súa implicación na construción de Europa.

 

Inscricións

A inscrición formalizarase directamente a través da páxina web do www.euro-scola.com  a partir do 16 de febreiro de 2017.

Poden participar todos os centros escolares de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), Bacharelato ou Ciclos de Formación Profesional de Grao Medio establecidos no territorio nacional.

Para participar cómpre inscribirse por equipos de máximo dez (10) alumnos/as, de entre quince (15) e dezaoito (18) anos, formados segundo o criterio do docente responsable que liderará e representará ao equipo ante a organización de Euroscola. Se ben internamente, no centro escolar,  pode ser un traballo colaborativo coordinado por máis dun docente.

Os docentes han de ter en conta que, no caso de resultaren gañadores da convocatoria, o alumnado deberán ter 16 anos feitos e non máis de 18 no momento de participar na xornada Euroscola no Parlamento Europeo de Estrasburgo (que se realizará durante o curso escolar 2017-2018 ou no primeiro trimestre do curso 2018-2019 se polo número de equipos se requirise unha ampliación). A organización ofrecerá diferentes datas posibles que deberán ser seleccionadas polos centros escolares gañadores.

A organización do Concurso delega no/na profesor/a líder a formación dos equipos, polo que só será ao finalizar o Concurso e no caso de seren gañadores, cando deberá comunicar os datos persoais do alumnado.

O docente pode inscribir tantos equipos como grupos de alumnos/as poda formar, sempre que cada equipo non exceda os dez (10) alumnos/as. Cada docente libremente poderá conformar na/s súa/s clase/s tantos equipos como considere mellor para o grupo, incluso equipos compostos por alumnado de diferentes clases; tendo sempre en conta que só poderán gozar do premio un máximo de vinte e catro (24) alumnos/as e dous (2) docentes (ver o apartado “Premios” destas bases).

O feito de poder expresarse en inglés ou francés por parte do alumnado participante é de grande importancia e necesario, posto que os equipos gañadores que asistan ao programa Euroscola en Estrasburgo deberán comprender e comunicarse nas citadas linguas.

Para todos os efectos, o correo electrónico subministrado polo docente líder ao rexistrar o equipo será o utilizado sempre para todas as comunicacións durante o Concurso.

 

Competición

A competición consistirá na elaboración dun vídeo cunha duración máxima dun minuto e trinta segundos  (1´30¨) cuxa temática se basee nalgún dos dereitos recollidos na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (http://www.europarl.europa.eu/charter/pdf/text_es.pdf), texto xuridicamente vinculante en todos os países membros da Unión Europea,  expresión dos principios e valores dos pobos e cidadáns que a compoñen.

Os vídeos poderán realizarse en castelán, así como nas outras linguas oficiais das respectivas comunidades autónomas ás que pertenzan os equipos.

Os participantes deberán levar a cabo as seguintes tarefas:

  • Seleccionar un dos dereitos da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea e elaborar un vídeo creativo baseado no mesmo.
  • Contactar co centro Europe Direct da súa zona para informar sobre o proxecto do equipo e contar con seu apoio na medida das posibilidades coas que conten cada un deses centros de información europea.

Na web de Euroscola, os equipos dispoñerán dunha lista actualizada cos datos de contacto de todos os puntos de información Europe Direct existentes en España.

  • Co fin de que o xurado poida comprobar que o vídeo foi realmente realizado polo alumnado, cada equipo deberá, ademais, realizar un vídeo de making-of no que se presenten os/as alumnos/as e se vexa/describa a implicación de cada un deles no proceso de creación necesario para a realización do vídeo.

Para este vídeo non existen requirimentos de calidade técnica e artística máis aló de que se poida visionar e escoitar ben para demostrar dunha forma correcta o traballo realizado, e que teña unha duración máxima de 5 minutos.

  • Implicar no posible á súa comunidade educativa e contorno local para dar a coñecer o seu proxecto e compartir o seu vídeo.

 Os vídeos presentados ao Concurso polos equipos deberán ser orixinais e cumprir os seguintes requisitos:

  • Formato: calquera formato de vídeo compatible coas plataformas YouTube ou Vimeo.
  • Duración: máximo un minuto e trinta segundos.
  • Calidade: os vídeos deberán ter unha calidade de imaxe e son tal que permita que se vexa e escoite de forma nítida e clara. A resolución mínima do vídeo deberá ser de 720p, podéndose subir tamén vídeos con calidade 1080p o 4K.

No caso de dúbidas sobre a resolución dos dispositivos de gravación utilizados (tablets, móbiles, cámaras de fotos, vídeo cámaras ou cámaras web), recoméndase revisar as especificacións do fabricante e configuracións do aparello, así como consultar co responsable de TIC do centro escolar.

  • Créditos: incluiranse os créditos de todos os que colaboren na elaboración do vídeo.

Tede en conta que o voso vídeo pode ser completamente orixinal, é dicir, que todo o material que o compoña (audio, música, imaxes, vídeo…) fose creado por vós; pero se desexades ou necesitades recorrer a obras de terceiros/as, deberedes solicitar autorización expresa e por escrito ou ben acudir a páxinas web que ofrecen fotos, audio/música, vídeo e imaxes baixo licenzas Creative Commons, copyleft e/ou libres de dereitos e incluír o seu recoñecemento nos créditos.

  • Técnica: libre, poden ser vídeos de imaxe real, que mesturen fotografía e imaxes, estilo “equipo de youtubers”, de animación, de debuxos e texto animados, etc.

Tede en conta que se sodes protagonistas deles, ao serdes menores de idade, débese contar cos permisos de imaxe asinados por pais e nais ou titores. O Concurso delega nos docentes líderes dos equipos a responsabilidade de contar cos correspondentes permisos.

Os dereitos dos vídeos serán cedidos ao Parlamento Europeo, que os poderá utilizar e /ou difundir no marco das súas actividades.

Os equipos poderán iniciar o seu traballo a partir da súa inscrición no Concurso.

A organización do calendario de traballo dos equipos é libre baixo a guía do/a seu/súa profesor/a líder, se ben han de ter moi en conta que o 6 de abril remata o prazo para enviar:

 1)  O enlace do vídeo orixinal.

2) O enlace do vídeo de making-of que mostre o proceso de realización.

3) A confirmación do docente líder do equipo de que conta coas autorizacións escritas de utilización de imaxe dos menores, así como outras imaxes, música, audios ou fragmentos de vídeos suxeitos a dereitos.

Os equipos comunicarán a citada información a través do formulario existente na web de Euroscola. Calquera outra forma de comunicación allea á prevista na web do Concurso non se considerará válida.

Os equipos dispoñerán na web do Concurso dun correo electrónico ao que o/a profesor/a líder dos equipos pode dirixir calquera pregunta ou dúbida de interpretación sobre estas bases, así como advertir aos organizadores sobre calquera problema no uso da plataforma do Concurso; incidencias que deberán ser comunicadas de forma razoada e dentro dos prazos establecidos para non afectar á igualdade de condicións de participación para todos os equipos.

Recoméndase aos equipos seguir as canles de Euroscola nas redes sociais Facebook e Twitter, así como tamén compartir o seu proxecto en canles creados polo propio equipo nas redes sociais para dar a coñecer o seu traballo e vídeos realizados no marco do Concurso Euroscola.

É necesario cumprir os seguintes requisitos:

  • O equipo de Euroscola debe estar involucrado directamente no proxecto.
  • Os contidos do vídeo deben ser orixinais e desenvolvidos no marco deste Concurso.
  • O respecto de todas as normas legais relacionadas co uso dos recursos por parte de menores de idade, así como o respecto dos dereitos de imaxe e dereitos de autor. O profesorado que lidere os equipos é responsable de transmitir ao alumnado esta información, así como as normas de navegación segura que se han de respectar en todo momento, e obter o permiso dos titores ou representantes legais dos menores no caso de que se publiquen as súas imaxes (fotos, vídeos ou audios) realizados con motivo da súa participación no concurso Euroscola 2017. Os citados permisos serán requiridos e, no caso de non seren presentados correctamente, será motivo de exclusión do Concurso.
  • O concurso Euroscola é un proxecto pedagóxico de “educación en valores”. Polo tanto, os vídeos teñen que utilizar unha linguaxe correcta, e ser resultado da reflexión do alumnado e das súas propostas orixinais e documentadas, amosando ademais a súa implicación. Polo tanto, serán descualificados vídeos que non reflictan un labor creativo e serio do propio equipo, así como aqueles proxectos que publiquen mensaxes, imaxes ou outros materiais que poidan resultar ofensivos ou irrespectuosos.

Recoméndase salientar entre o alumnado o alcance da norma de seguridade en Internet: “pensar sempre antes de publicar fotos, vídeos ou opinións en Internet”.

 A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España non se fai responsable das ideas ou opinións que expoñan os equipos nos seus vídeos ou os distintos medios de difusión e promoción que empreguen.

Puntuacións

Os gañadores e clasificados serán seleccionados por un xurado que valorará os vídeos dos equipos, baseándose nos seguintes criterios:

  • Creatividade do vídeo.
  • Coñecementos que o equipo demostre ter sobre o tema do Concurso.
  • Calidade técnica e artística.
  • Mensaxe, reflexións e/ou achegas que transmita ou inspire o vídeo.
  • Difusión do seu proxecto a través de canles propias do equipo nas redes sociais e no contorno do centro escolar.

Unha vez valorados polo xurado os vídeos, elixiranse os mellores e, contra a celebración do Día de Europa (9 de maio), publicarase na web do Concurso a lista dos centros escolares cuxos equipos resultaran gañadores nacionais de Euroscola. Publicarase tamén unha lista cos cinco (5) equipos mellor clasificados por comunidades e cidades autónomas.

O veredicto do Concurso será inapelable.

 Premios

Os gañadores obterán como premio a participación no programa Euroscola do Parlamento Europeo na súa sede de Estrasburgo e unha axuda económica para sufragar parte dos gastos da viaxe. Esta axuda baséase nunha fórmula que utiliza a organización de Euroscola para todos os países da Unión Europea e que considera a distancia entre a cidade onde estea localizado o centro escolar e a cidade de Estrasburgo.

Están previstos dezanove (19) premios Euroscola en función das comunidades e cidades autónomas de España. Así e todo, a xuízo do xurado, poderase declarar deserto o premio naquela/s comunidade/s ou cidade/s autónoma/s na/s que os os vídeos presentados non cumpran os requirimentos mínimos.

 No caso de que o xurado considere que o vídeo non cumpre con méritos abondos, a clasificación en primeiro lugar non implicará ser gañador nacional de Euroscola, en cuxo caso o equipo pasará a ser gañador da súa comunidade ou cidade autónoma.

Os equipos gañadores e cinco (5) primeiros clasificados recibirán un diploma dixital emitido pola Oficina de Información do Parlamento Europeo que será enviado ao correo electrónico que o/a profesor/a líder do equipo subministrara ao inscribir o equipo.

O Parlamento Europeo poderá solicitar as correspondentes cesións de dereitos e autorizacións de menores para a difusión dos vídeos realizados no marco deste Concurso.

Cada equipo gañador, incluíndo aos seus integrantes, poderá sumar un máximo de vinte e catro (24) alumnos/as en total e dous (2) profesores/as, o seu profesor/a líder e un/ha profesor/a máis do seu centro escolar. O propio centro é o responsable de coordinar a participación do grupo.

Adicionalmente, a Oficina do Parlamento Europeo en España invita a diferentes entidades nacionais e autonómicas vinculadas aos temas do Concurso a colaborar con premios. Estes premios remítense aos equipos a través da comunidade autónoma correspondente.

A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España encárgase de comunicar aos responsables do Parlamento Europeo en Estrasburgo todos os detalles de contacto dos equipos gañadores. Os responsables da Oficina do Parlamento Europeo en Estrasburgo comunicaranse cos equipos para a organización da súa participación no programa Euroscola, concretando todos os detalles pertinentes.

A participación no programa Euroscola é unha experiencia inesquecible e única para que o alumnado poida vivir de cerca o que implica o proxecto de integración europea. Os gañadores de España poderán compartir esta experiencia que os convertirá por un día en eurodeputados na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo coa mocidade seleccionada dos outros Estados membros da UE.

O alumnado coñecerá de primeira man o traballo do Europarlamento a través de debates de temas de interese para a xuventude, negociacións co resto de participantes e a votación ou adopción de acordos sobre temas de actualidade europea.

No programa Euroscola dáse ao alumnado a oportunidade de interactuar e intercambiar información nun idioma diferente ao seu. Este presentará, en inglés ou francés, o seu centro escolar e a rexión de onde veñen, como un intercambio de coñecementos que reflicte a diversidade dos pobos de Europa e enriquece o diálogo cultural.

O profesorado tamén terá a oportunidade de coñecer aos seus colegas doutros países europeos e intercambiar prácticas de aula e informacións educativas.

Pode consultarse con máis detalle en que consiste o programa Euroscola na web de Euroscola do Parlamento Europeo: http://www.europarl.europa.eu/euroscola

A viaxe para a participación no programa Euroscola en Estrasburgo realizarase no curso escolar 2017/2018, ou ben no segundo semestre de 2018 no caso de que o número elevado de participantes requira a súa extensión.

Unha vez exista unha previsión de calendario das sesións Euroscola, a Oficina de Información do Parlamento Europeo en España enviará simultaneamente aos/ás profesores/as líderes de todos os equipos gañadores un correo electrónico comunicándolles as citadas datas. Para a selección de datas de participación respectarase a orde de recepción da chegada das peticións.

Ao seleccionar a data da viaxe, os/as profesores/as líderes deberán ter en conta que os/as alumnos/as deben ter feitos, o día da data de participación no programa Euroscola-Estrasburgo, alomenos 16 anos e non máis de 18.

O Parlamento Europeo reserva para si o dereito de anular ou modificar a participación no programa Euroscola no caso de forza maior.

A organización de Euroscola está exenta de calquera responsabilidade sobre os premios e condicións de selección que establezan as institucións ou entidades colaboradoras.

A inscrición no concurso Euroscola 2017 supón a aceptación íntegra do contido destas bases.